Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Santa María de Oia

Historia

Cando os condes de Galicia don Raimundo e dona Urraca estableceron no ano 1095 os límites do couto xurisdicional de Tui, este bispado pasou a converterse nunha rexión fronteiriza e conflitiva, xa que parte do territorio diocesano estaba situado dentro do Condado de Portugal. Por este motivo, iniciado xa o século XII, o Baixo Miño converteuse nun escenario bélico fronteirizo entre o rei de León e Castela Afonso VII e o seu curmán Afonso Enríquez, Conde de Portugal. Neste contexto, ao monarca interesoulle ter no Baixo Miño un monacato e un bispado amigos para que actuaran con fidelidade á coroa castelá-leonesa e serviran de freo ás pretensións do nacente reino portugués. E así promoveu a creación de dous fortes señoríos eclesiásticos no territorio: un catedralicio, Tui, e outro monacal, Oia.

O carácter estratéxico de Santa María de Oia evidenciouse dende un primeiro momento polas funcións militares que terían asignadas o abade e os monxes por parte do rei na defensa desta costa –a partir do século XVI, os seus monxes pasaron á historia co alcume de monxes artilleiros, destacando a defensa da costa que realizaron en 1624, contra os piratas, empregando as pezas de artillería situadas no interior do cenobio–.

Descoñécese a orixe exacta deste mosteiro. Seguindo o relatorio tradicional sería cara ao ano 1132 cando comezou a construción dunha nova casa beneditina en Oia sobre unha antiga fortaleza existente naquel lugar. Sen embargo, o primeiro documento referido ao cenobio constitúeo unha doazón de Afonso VII datada o 23 de abril de 1149.

Para a construción da primitiva igrexa seguiuse no seu conxunto o modelo supervisado por San Bernardo en Clairvaux II. As obras, iniciadas cara ao 1190, deberon concluír cara ao ano 1230. O templo presenta planta de cruz latina con tres naves, sendo a central e a do cruceiro de anchura dobre ás laterais. Ao cruceiro ábrense cinco capelas rectangulares escalonadas –en planta e en alzado– dende as extremas ata a central, particularidade que a diferenza doutras igrexas cistercienses. No interior destaca a súa xeral austeridade.

En canto á fábrica medieval das dependencias monásticas foi practicamente renovada a partir de mediados do século XVI. Sen embargo, mantéñense algunhas estancias que comunicaban coa igrexa –como a sancristía e outra contigua a ela–, e algúns elementos na parte inferior e intermedia da actual torre barroca; aínda que todas sufriron diversas alteracións en época moderna.

A pesar de ter sido o último dos cenobios galegos en unirse á Congregación de Castela –ano 1547–, adquiriu unha auxe progresiva que lle permitiu a renovación das súas dependencias. Na igrexa, as obras centráronse nos dous tramos finais de poñente que sufriron importantes reformas coa construción do coro alto sobre unha bóveda estrelada de rampante plano, baixo a dirección de Bartolomé de Hermosa en 1570; ao igual que a sala capitular –actual sancristía, na que debeu actuar como aparellador de Juan de Cerecedo o Vello. Tamén foron alteradas as diversas portas que a comunidade empregaba para acceder á igrexa, ao erixirse o claustro regular e as novas dependencias comunitarias. O claustro procesional alzouse ao carón da nave norte do templo. Foi erixido segundo a traza de Juan de Cerecedo o Vello, imitando ao de San Vicente de Oviedo; e á súa morte seguiulle á fronte dos traballos, Pedro del Campo. Na galería norte situouse o refectorio, cuberto con tres bóvedas de crucería. Dende a escaleira de maitíns no costado leste, os monxes subían ás celas do dormitorio –un total de catorce–, que ocupaban o costado occidental e parte do oriental. Ao exterior, na fachada que daba ao patio de armas, estendíase a plataforma do balcón, que apoiaba sobre os contrafortes existentes. Na ala norte situábanse a sala e cela abaciais.

Durante o século XVII, ademais de completarse a fábrica renacentista, poucas foron as obras que se levaron a cabo. As actuacións máis significativas centráronse na fortificación do recinto.

Durante o século XVIII emprendeuse unha nova campaña de ampliación do mosteiro cara á horta. O proxecto do patio dos laranxeiros, con dúas galerías –norte e sur– nas que dominaba unha corrente clasicista, iniciouse seguramente no primeiro terzo deste século pola galería norte. Na planta baixa da galería norte situouse o celeiro: unha única estancia cuberta con bóveda de canón; e na planta alta discorrían as celas, as letrinas e unha biblioteca. Na galería sur dispuxéronse as dependencias da torre e as habitacións do costado oriental do claustro, onde se lle practicou o seu acceso dende a planta alta. Albergaba no seu interior diversos servizos do mosteiro, entre os que destacaban a bodega e un posible forno.

O mosteiro de Santa María de Oia entraba no século XIX nun relativo bo estado. Sen embargo, o abandono sufrido trala desamortización do 1835 provocou que fose declarado como ruína. O conxunto, a excepción da igrexa –destinada en 1838 a usos parroquiais grazas á mediación do bispo de Tui–, xunto coas terras colindantes e algunhas fincas, foi mercado por un moi baixo prezo por un particular que de seguido o vendería a Bernardo Alonso, quen reclamou o pago dos foros aos antigos foreiros causando unha serie de episodios violentos que acabaron desencadeando un incendio no mosteiro.

Tras cambiar en varias ocasións de propietario, entre 1910 e 1932 os xesuítas portugueses arrendaron o cenobio e estableceron un colexio que alcanzaría certo prestixio na zona. Este feito supuxo diversas obras para adecuar as fábricas existentes ao novo uso, destacando entre elas a construción dun pavillón coñecido como a enfermería, de mala solución formal.

Por Decreto do 3 de xuño de 1931, o conxunto foi declarado Monumento Nacional. Meses máis tarde o Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes acometía unhas obras urxentes de conservación e restauración que incluían traballos de cantería na portada do século XVIII e unha actuación na bóveda que cubría a estancia de paso da igrexa ao claustro dada a existencia de afundimentos parciais, así como nas cubertas da capelas absidais por deformacións nas mesmas.

Coa chegada da II República, os bens da compañía de Xesús serían expropiados. Coincidindo co transcurso das obras, os relixiosos foron expulsados –por error, xa que o cenobio estaba arrendado á familia Alonso– e o mosteiro foi incautado polo Estado. A partir deste momento o conxunto estivo a cargo do concello de Oia, conferíndoselle a administración do edificio e da horta.

Durante a Guerra Civil, diversas dependencias do mosteiro foron utilizadas como cárcere dos prisioneiros de guerra cataláns, baleares e valencianos, momento no que sufriu importantes destrozos. Posteriormente, volveu pasar a mans dos herdeiros de Bernardo Alonso, que o venderon aos irmáns Bouso Arias. Realizaron algunhas pequenas pero urxentes reformas que fixeron medianamente habitables algunhas partes do edificio. Sen embargo, ante a falta de fiestras, ferraxes, portas, trabes e sillares, foi posto novamente á venda cara ao 1942. No ano 1973 foi adquirido por José González Troncoso.

A principios da década dos noventa o mosteiro volveu cambiar de mans pasando a ser propiedade do Grupo Massaveu, que o traspasou no ano 2000 ao Grupo La Toja S.A. –pertencente ao Banco Pastor–, que quería acometer un proxecto hoteleiro que nunca se chegou a executar. A primeira proposta presentada –redactada por Pérez Fernández– non superou os trámites esixidos polos Servizos Técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, polo que se quedou nunha idea. Unha segunda proposta foi presentada como parte do Plan Director de Modificación das NNSS vixentes e de protección do conxunto monacal de Oia e a súa ampliación. O equipo redactor –Meijide Calvo e Meijide Tomás– foi consciente da evolución do conxunto, e así o reflectiu á hora de dar forma ao seu proxecto: ante a necesidade de intervención o equipo optou pola asunción dun modelo a través do cal se ampliaba o conxunto cunha nova peza de arquitectura contemporánea, e ocupábase o resto asumindo tódalas partes como integrantes dun todo edificado. Sen embargo, o proxecto foi abandonado.

O 18 de novembro de 2004 o conxunto de Santa María de Oia foi adquirido por , e nove meses máis tarde aportábase á nova sociedade Residencial Monasterio de Oia S.A., actual propietaria e promotora dun proxecto turístico consistente na conversión do mosteiro nun centro de talasoterapia, ademais da construción dun complexo residencial de apartamentos e dun porto deportivo. Dende un primeiro momento a empresa buscou o apoio dos alcaldes da comarca e das diversas administracións. Tamén os distintos arquitectos do proxecto recibiron o respaldo do director de Patrimonio e da directora xeral de Turismo da Xunta para dar as máximas facilidades ao proxecto.

No 2009 comezou a primeira fase da rehabilitación do mosteiro: a reforma da cuberta do conxunto. E a pesar de que a empresa tiña tódolos permisos necesarios para a posta en valor do inmoble, existía un obstáculo importante a salvar: non podería obter a licenza de ocupación nin de explotación unha vez rematadas as obras pola falta dunha traída de augas municipais –o concello de Oia carecía deste servizo–. Pero tamén se atopou con outro impedimento: o desenrolo dun plan xeral de ordenación municipal.

Tras máis de dez anos de tramitación e xestións administrativas, o plan de recuperación e reconversión do cenobio chegou ao pleno municipal co obxectivo de desbloquear un proxecto que foi cambiando ao longo desta década. A modificación máis substancial foi a que substituíu tres edificios na zona norte con case cento oitenta vivendas por unha vintena de edificacións unifamiliares que se puidesen desenrolar na contorna. O fallo foi contundente: o proxecto seguiría aprazado ata que non se solventasen dous puntos clave: o abastecemento e un plan para atopar unha solución ás infraestruturas necesarias.

A día de hoxe, a reforma integral e a rehabilitación do mosteiro de Santa María de Oia atópanse frustradas e aprazadas sine die. Mentres, o deterioro avanza.

Memoria

  • ALONSO, F.; “Los nuevos propietarios se fijan como prioridad la rehabilitación del edificio”, Faro de Vigo. Vigo, 26 de novembro de 2004.
  • GARCÍA, Antonino; “Oia olvida el monasterio que se asombra a Europa”, El Mundo. Oia, 13 de maio de 2011.
  • IGLESIAS VIQUEIRA; “De ocho siglos grandes, al abandono”, Faro de Vigo. Oia, 28 de novembro de 2004.
  • IGLESIAS VIQUEIRA + PILLADO, Neli; “Vasco Gallega alerta del peligro de desplome de un ala del cenobio de Oia”, Faro de Vigo. Oia, 29 de novembro de 2007.
  • JTA; “El monasterio de Oia, un hito del Camino, logra luz verde para su reforma”, Atlántico Diario. Vigo, 31 de agosto de 2009.
  • JTA; “El monasterio de Oia cumple 10 años a la espera de reforma”, Atlántico Diario. Vigo, 19 de maio de 2014.
  • MARTÍNEZ, Alejandro; “El proyecto del monasterio de Oia necesita un impulso del turismo”, La Voz de Galicia. Oia, 2 de marzo de 2005.
  • MARTÍNEZ, Alejandro; “La Xunta inicia la restauración del campanario del monasterio de Oia para frenar su deterioro”, La Voz de Galicia. Oia, 16 de xullo de 2008.
  • MARTÍNEZ, Alejandro; “Vasco Gallega contrata la reforma del tejado del monasterio de Oia”, La Voz de Galicia. Oia, 25 de abril de 2009.
  • MARTÍNEZ, Alejandro; “Vasco Gallega inicia la reforma de la cubierta del monasterio de Oia”, La Voz de Galicia. Oia, 2 de decembro de 2009.
  • MARTÍNEZ, Alejandro; “Proyectan 173 viviendas junto al monasterio de Oia”, La Voz de Galicia. Oia, 27 de novembro de 2011.
  • PILLADO, Neli; “Vasco Gallega pide apoyo a 8 alcaldes para completar su proyecto de Oia”, Faro de Vigo. Oia, 15 de xaneiro de 2005.
  • PILLADO, Neli; “La inversión en el monasterio de Oia se eleva a 27 millones de euros”, Faro de Vigo. Oia, 25 de xaneiro de 2005.
  • PILLADO, Neli; “Vasco Gallega busca pozos de agua para abrir el monasterio de Oia en un año”, Faro de Vigo. Oia, 19 de xaneiro de 2010.
  • PILLADO, Neli; “La oposición tumba la recuperación del monasterio de Oia tras 10 años de trámites”, Faro de Vigo. Oia, 30 de outubro de 2010.
  • PILLADO, Neli; “La primera traída pública de aguas de Oia desbloquea el monasterio y el centro de salud”, Faro de Vigo. Oia, 29 de maio de 2012.
  • TEO ANDRÉS, José; “El monasterio de Oia cumple 11 años más perdidos”, Atlántico Diario. Vigo, 12 de abril de 2015.
  • TEO ANDRÉS, José; “El concello de Oia descarta reformar el monasterio sin Xunta y Diputación”, Atlántico Diario. Vigo, 4 de xaneiro de 2016.
  • TORRES, Mónica; “El plan del monasterio de Oia llega a pleno tras 10 años en tramitación”, La Voz de Galicia. Oia, 26 de xullo de 2015.
  • VÁZQUEZ, Xulio; “Vasco Gallego compra el monasterio de Oia al Pastor por 2,4 millones”, La Voz de Galicia. Vigo, 25 de novembro de 2004.
  • VV.AA.; “El alcalde de Oia agilizará los trámites para el nuevo proyecto del monasterio”, Atlántico Diario. Vigo, 28 de novembro de 2004.
  • VV.AA.; “Vasco Gallega invertirá 20 millones en reformar el Monasterio de Oia”, Faro de Vigo. Pontevedra, 27 de novembro de 2004.
  • VV.AA.; “Vasco Gallega invertirá 18 millones en el Monasterio de Oia”, Faro de Vigo. Pontevedra, 1 de agosto de 2007.

Bibliografía

  • AMEAL GONZÁLEZ, Manuel; “El Real Monasterio de Santa María la Real e Imperial de Oya en la provincia de Pontevedra”, revista Cistercium. Ano 1, n 1, 1949, páx. 112-118. Ano 2, n 7, 1950, páx. 19-22. Ano 2, n 9, 1950, páx. 83-85. Ano 2, n 11, 1950, páx. 157-163. Ano 3, n 15, 1951, páx. 102-109 e 218-224. Ano 4, 1952, páx. 97-104 e 223-227. Ano 6, 1954, páx. 118-122 e 216-220. Ano 7, 1955, páx. 26-29. Ano 8, 1956, páx. 30-32.
  • ÁVILA Y LA CUEVA, Francisco; Historia civil y eclesiástica de la ciudad de Tuy y su obispado 1852. Edición facsímile do manuscrito concluído entre 1852 e 1854. 4 volumes. Consello de Cultura Galega. Santiago de Compostela 1995.
  • BARBI ALONSO, Víctor; Restauración da fachada da igrexa do mosteiro de Santa María de Oia (Pontevedra). Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1992/052. Vigo 1993.
  • BONET CORREA, Antonio; “Santa María de Oia”, La arquitectura en Galicia durante el siglo XVII. Consello Superior de Investigacións Científicas, Instituto Padre Sarmiento. Madrid 1966. Páx. 557-570.
  • CID SUEIRO, Ernesto + HERNÁNDEZ CRESPO, Antonio; Proyecto básico y de ejecución de restauración de la fachada principal de la iglesia del monasterio de Santa María de Oia. 1ª Fase. Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2003/217. Vigo 2003.
  • COLSA LLOREDA, Ángel; Proposta de proxecto de adecuación do atrio da igrexa de Santa María de Oia. Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2004/139. Vigo 2003.
  • CONDE ALDEMIRA, Arturo; Proyecto básico y de ejecución de restauración de la iglesia de Oya. Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1984/027. Vigo 1981.
  • DEL CASTILLO LÓPEZ, Ángel; “Oya. Monasterio cisterciense de Santa María”, Inventario de la Riqueza Monumental y Artística de Galicia. Reprodución facsímile da edición de 1987, Publicación A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 2008. Páx. 469-471.
  • FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, Manuel; “El Monasterio de Santa María de Oya y sus maestros constructores”, Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo 11. Consello Superior de Investigacións Científicas, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Santiago de Compostela 1956. Páx. 219-228.
  • FREIJEIRO MARTÍNEZ, Manuel J. + SARASQUESTE OTERO, Luis; Proyecto básico y de ejecución de medidas urgentes de protección, consolidación y apuntalamiento de fachadas y cubiertas del monasterio de Santa María de Oia. Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2005/060. Vigo 2005.
  • MANSO PORTO, Carmen; “El Monasterio de Santa María la Real de Oia: estudio histórico - artístico”, Cuadernos de Estudios Gallegos, ano 48, número 115. Consello Superior de Investigacións Científicas, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Santiago de Compostela 2010. Páx. 251-306.
  • MEIJIDE CALVO, Carlos E. + MEIJIDE TOMÁS, Jorge V.; Propuesta de Intervención para la rehabilitación y ampliación del monasterio de Santa María la Real de Oia para establecimiento hotelero e instalaciones de talasoterapia. Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2000/297. A Coruña 2000.
  • MEIJIDE CALVO, Carlos E. + MEIJIDE TOMÁS, Jorge V.; Plan director de modificación de las Normas Subsidiarias vigentes y de protección del conjunto monasterial de Oia y su ampliación. Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2000/293. A Coruña 2000.
  • MÉNDEZ FONTE, Rosa; “Monasterio de Santa María de Oia”, La Conservación de los Monumentos Arquitectónicos de Galicia (1840-1940). Embora Editorial. Ferrol 2010. Páx. 799-805.
  • PEREIRA MORALES, Ana María; “El Monasterio de Santa María de Oia: intervenciones arquitectónicas del siglo XVIII”, Quintana: revista de estudios do Departamento de Historia da Arte, número 2. Universidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela 2003. Páx. 211-225.
  • PÉREZ FERNÁNDEZ, José Luis; Anteproyecto de Edificio Residencial Hotelero en el Monasterio de Oia (Pontevedra). Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2000/293. Madrid 2000.
  • PINTOS PENA, Santiago + RODRÍGUEZ ABILLEIRA, Jaime; Estudios previos para la rehabilitación y puesta en valor del monasterio de Santa María de Oia. Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2006/530. Pontevedra 2006.
  • PINTOS PENA, Santiago + RODRÍGUEZ ABILLEIRA, Jaime; Proxecto de restauración da torre do campanario da igrexa do mosteiro de Santa María de Oia. Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2007/088. Pontevedra 2007.
  • REY CORTEGOSO, Juan; “Construcción y destrucción del Monasterio de Oia”, Glaucopis, Boletín do Instituto de Estudios Vigueses, ano 15, número 15. Vigo 2010. Páx. 201-234.
  • SAA BRAVO, Hipólito; “Santa María de Oya”, El Monacato en Galicia, 2 volumes. Librigal, Artes Gráficas Galicia, SA. Vigo - A Coruña 1972. Páx. 304-327.
  • TRONCOSO ALONSO, Ángel L.; Santa María la Real e Imperial de Oia: en la cornisa atlántica, histórica, monumental, turística… Gráficas Lomba, D.L. Vigo 1994.
  • VALLE PÉREZ, José Carlos; “Santa María de Oia”, La arquitectura cisterciense en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 1982. Páx. 145-227.