Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Factoría Baleeira de Caneliñas

Historia

En novembro de 1924, a Compañía Ballenera Española S.A. –de orixe norueguesa e dirixida por Lorentz F. Bruun e Carl F. Herlofson– construía a primeira factoría baleeira moderna de Galicia na apartada enseada da praia de Gurés: afastada de portos, lonxe de zonas habitadas e case inaccesible dende terra.

Na banda dereita da devandita enseada levantouse un peirao de amarre a onde chegaban os barcos cos cetáceos amarrados. Dende aquí eran arrastrados por unha rampla que estaba na ribeira esquerda ata unha explanada de traballo. Neste lugar pegábanselle os primeiros cortes ao animal –separándolle a cabeza e queixada do resto do corpo–, e despois pasábase ao edificio principal, onde era cocido para a obtención de aceite., que quedaba almacenado en seis grandes depósitos ao longo do peirao e dende onde se trasladaba aos barcos de transporte a través de mangueiras. Unha vez retirado o aceite das caldeiras, os restos de carne e ósos metíanse nunha gran caldeira horizontal –a caldeira secadora– na que baixo elevadas temperaturas se deshidrataban e pulverizaban, transformándose en guano.

A factoría daba ocupación a oitenta traballadores –a maioría mulleres–, e a produción de aceite e guano exportábase por mar directamente a Noruega e Inglaterra; a carne, que tiña boa acollida, debía comercializarse localmente case na súa totalidade.

Nos primeiros anos da década dos cincuenta, coa factoría baixo a dirección da empresa española Industria Ballenera S.A., ampliáronse as instalacións. Construíuse unha nova rampla de máis de cen metros que cruzaba a praia dende o fondo da enseada ata unha tamén nova plataforma de despece, que agora tería o chan de madeira para non estragar os coitelos e estaría cuberta cun teito de pranchas de fibrocemento. Instaláronse ademais unas grandes tinas de barro para o almacenamento do aceite –cunha capacidade de oito toneladas cada unha– que pronto se evidenciaron ineficaces e quedaron fóra de servizo, co lóxico problema de falta de capacidade de almacenamento, que foise resolvendo sempre en precario.

A finais do ano 1985, a factoría pechaba as súas portas –o mesmo ano no que se aprobou a moratoria internacional que prohibía a caza de baleas–, converténdose na última factoría baleeira en pechar do Estado.

Tralo abandono das instalacións, algunha maquinaria e diversos elementos metálicos foron roubados; e no 2003 parte do tellado e das paredes derrubouse por mor dun incendio.

Bibliografía

  • AGUILAR, Álex; Chimán. La pesca ballenera moderna en la Península Ibérica. Biblioteca Universitaria - Universidade de Barcelona. Barcelona 2014.
  • FRAGA, Iván; “A factoría de Caneliñas e os cazadores de baleas”, A fraga dos mouros. 2012.
  • LARA COIRA, Manuel; “Factoría de Caneliñas”, Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial. 2011.
  • LÓPEZ GROMAZ, Jesús + LÓPEZ GROMAZ, Miguel; “La factoría ballenera de Caneliñas”, Bucea sin mojarte. 2013.
  • PAZOS PÉREZ, Lino J.; Ballenas y balleneros en Galicia. Tórculo Edicións. Vigo 2000.
  • REY ESCARIZ, Antonio; “La pesca de la ballena en las costas gallegas”, Boletín de la Real Academia Gallega, ano VII, número 62. A Coruña 1912. Páx.33-36.
  • VALDÉS HANSEN, Felipe; Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX). Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 2010.
  • VIEITES, Elixio; “Baleeira de Caneliñas”, Patrimonio Galego.
  • VV.AA.; “Caneliñas, la última factoría ballenera de España”, RTVE a la carta: vídeos de ciencia y tecnología. 2010.
  • VV.AA.; “Los últimos cazadores de ballenas”, La Voz de Galicia. A Coruña, 24 de marzo de 2012.