Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Torre de Caldaloba

Historia

Sobre o outeiro de Couto de Mato, érguese unha solitaria torre da homenaxe: único vestixio que se conserva en pé da antiga Fortaleza de Vilaxoán, pertencente ao Mariscal Pardo de Cela, quen a recibiu en propiedade polo seu casamento con dona Isabel de Castro e Osorio.

No seu momento, devandita fortaleza estaba defendida por catro fosos concéntricos que tiñan unha profundidade que oscilaba entre os oito e os dez metros, o que a convertía nun bastión case inexpugnable. O grosor dos seus muros sobrepasaba os dous metros con cincuenta, e proporcionaba á edificación unha gran solidez; como se puido comprobar nos numerosos ataques que sufriu durante as guerras irmandiñas, que non conseguiron derrubala, se ben lle causaron bastantes desperfectos no seu sistema defensivo.

Durante o devandito levantamento popular, nesta fortaleza resistiron dona Constanza e Fernán Ares de Saavedra, filla e xenro respectivamente do axustizado Pardo de Cela. Tratábase do último reduto da nobreza galega que ofreceu resistencia á centralizadora política dos Reis Católicos, personalizada neste caso por López de Haro

A excepción da torre, tódalas dependencias do castelo fóronse derrubando co paso do tempo, debido principalmente aos sucesivos ataques aos que foi sometido o conxunto; e ao posterior abandono, chegando o seu propietario a vendelas súas pedras –que se atopaban esparexidas polo chan para acometer a construción dunha prisión próxima– ao redor do ano 1775.

A torre da homenaxe que hoxe se conserva –impoñente cos seus máis de trinta metros de altura– ten unha planta cadrada de dez metros de lado. Distribuída en catro andares –deducidos polas pegadas que presentan os paramentos interiores–, os seus muros están feitos en cachotería de lousa, reservándose a sillería granítica para esquinais, porta e fiestras. Probablemente o teito era de bóveda de canón rodeada de arcos faixóns que a reforzarían. Todo o conxunto estaba rematado cunha serie de almeas a día de hoxe totalmente desaparecidas.

Entre 1998 e 2002, baixo a supervisión dos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, realizáronse diversas actuacións orientadas á consolidación da torre. Repuxéronse pezas de cantería nos recercados de ocos e esquinais, e construíuse un muro de unión entre os paramentos superiores separados ata o momento por unha gran greta central. Os elementos incorporados foron sinalados como novos mantendo a lectura da fábrica orixinal. Tamén se impermeabilizou a plataforma superior sobre os restos da bóveda derrubada.

Con todo, a día de hoxe, o avance da vexetación está a poñer en perigo o resultado desta actuación.

A uns poucos de centos de metros sitúase o Pazo de Caldaloba, fundado por Rodrigo Díaz Sanjurjo y Montenegro no 1621; e, segundo a lenda, estaría comunicado coa torre mediante un túnel secreto.

Bibliografía

  • BOGA MOSCOSO, Ramón; “Torre de Caldaloba”, Guía dos castelos medievais de Galicia. Edicións Xerais. Vigo 2003. Páx.159-160.
  • DOS FREIRÍA, Eloi; “Torre de Caldaloba”, Patrimonio Galego.
  • FRAGA, Iván; “A lendaria resistencia da Torre da Caldaloba”, A Fraga dos Mouros.
  • GAGO MARIÑO, Manuel; “Caldaloba e os tres últimos anos da resistencia da nobreza galega”, Capítulo Cero.
  • HUERTA FERNÁNDEZ, Santiago + LÓPEZ MANZANARES, Gema; Informe sobre la estabilidad y consolidación de la torre de Caldaloba, castillo de Vilaxoán. Departamento de Estruturas da Edificación da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid + Universidade Politécnica de Madrid. Madrid 1998.
  • VARELA CAMPOS, María Paz; “Torre de Caldaloba”, Castillos y fortalezas de Galicia. Vigo 1999. Páx.58.
  • VÁZQUEZ SEIJAS, Manuel; “Torre de Caldaloba”, Fortalezas de Lugo y su provincia. Lugo 1959. Páx.107.
  • VV.AA.; “Torre de Caldaloba”, Enciclopedia de los monumentos de España. Tomo de Galicia. Sossa Editorial. Vigo 1998. Páx.137.