Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Casa Rural Granero del Burro

Historia

Un matrimonio escocés decide establecerse na zona, mercando unha enorme vivenda de tipoloxía tradicional e un celeiro vinculado á explotación agraria. Ámbalas dúas orientan os seus accesos e vistas cara a un noroeste enmarcado por prados e casas ao redor dunha igrexa.

Memoria

Nunha primeira fase propúxose a reconversión do celeiro en vivenda destinada ao aluguer ocasional, pois tratábase da edificación de menor tamaño na que ademais se apreciaban problemas estruturais nos muros de fábrica que comprometían a súa estabilidade. Polo demais, o celeiro contaba cunha altura libre duns cinco metros, acceso á cota inferior e unha serie de fiestras elevadas que inundaban de luz o interior.

Óptase por introducir dúas plantas, unha a nivel das fiestras superiores e outra rebaixando a cota da cimentación orixinal. De cara a manter a amplitude e a penetración lumínica no interior do espazo decidiuse situar as dúas habitacións requiridas polo programa en dous volumes cerrados localizados un na cota inferior e outro na cota superior, deixando unha sección libre diagonal que permite dispoñer o salón sobre a habitación da planta baixa, gozando dunha vista privilexiada sobre o val e a cociña-comedor na cota inferior, baixo a habitación principal.

O acceso realízase sobre unha plataforma disposta a unha cota intermedia dende a que se alcanza a cota inferior mediante unha rampla e a superior mediante unha escaleira. Ao situarse no centro do espazo a escaleira requiriu unha especial atención, executándose cunha chapa pregada de aceiro en bruto, que se mantivo como acabado permitindo apreciar matices de cor, brillo e textura do material e sobre a que se dispuxeron chanzos de carballo. Anexo á escaleira, na cota superior, propúxose a construción dun moble de formigón destinado a actuar como soporte dunha cheminea de dobre cara e da televisión e equipamento de música, que á vez funciona como varanda cara á planta inferior.

As habitacións configúranse como células pechadas independentes que asemade conteñen módulos pechados de baño. O da planta superior requiriu unha especial atención pois decidiuse non levalo ata a cuberta e concibilo como unha caixa independente provista dun lucernario aberto á habitación que establece unha relación formal e lumínica coa fiestra coa que se encontra.

(PATIÑO CAMBEIRO + PRIETO LÓPEZ)

Bibliografía

  • PATIÑO CAMBEIRO, Faustino + PRIETO LÓPEZ, Juan Ignacio; “Rehabilitación de granero tradicional para vivienda turística en Trabada”, Candidaturas aos XV Premios COAG. Santiago de Compostela 2014.