Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Albergue 'Casa da Pescadería'

Historia

En pleno casco histórico betanceiro, durante o século XVIII, levantouse un edificio formado por un semisoto con acceso dende a rúa Ferreiros, unha planta baixa con acceso dende a rúa Pescadería, e unha planta alta con baixocuberta.

O inmoble foi construído con fábrica de granito na fachada principal e nos laterais cachotería, agás os esquinais, marcos dos vans, imposta e cornixa. Como principal elemento decorativo presentaba na planta nobre un balcón central de ferro sobre dúas ménsulas acaroadas ás pilastras da planta baixa, e dous vans remarcados de balcón interior a cada lado.

No seu día, o semisoto foi utilizado como adega e a planta baixa albergou un taller. O resto dos andares eran vivendas independentes.

No século XX, o conxunto foi ampliado cun novo volume cara á zona norte –como se pode comprobar na fractura da liña de cornixa–, producindo o cegamento de varias fiestras. Tamén se levantou un almacén que ocupaba case a totalidade do patio de luces.

En decembro de 2007, o inmoble foi adquirido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Innovación e Industria.

Memoria

O presente proxecto propón a rehabilitación e adecuación do edificio atendendo ás necesidades espaciais e funcionais do novo uso como albergue de peregrinos. Arquitectonicamente preténdese manter o carácter do edificio mediante a utilización dos materiais e tecnoloxías adecuados, de modo que se compatibilicen co novo uso.

A nova distribución do edificio ordena os usos por plantas do seguinte xeito: na planta baixa o acceso principal, recepción, zona de estar e dormitorio de discapacitados; na planta primeira o dormitorio común principal e a zona de aseos; no baixocuberta outro dormitorio común e zona de aseos; en planta semisoto unha zona de uso institucional con acceso directo dende a rúa Ferreiros, aseos, e, na parte que se encontra debaixo do acceso o albergue e que ten unha altura libre menor, estarán as instalacións e un pequeno almacén.

A entrada principal ao albergue producirase dende a rúa Pescadería, pero non polo portal principal do edificio, senón polo outro acceso diferenciado xa existente; esta zona de acceso ten un nivel inferior ao do resto da planta, desnivel que se desenvolve mediante unha escaleira de seis chanzos, e cunha pequena plataforma elevadora que resolve o acceso das persoas discapacitadas; esta escaleira desemboca na zona principal de estar. No ámbito da entrada delimítase unha pequena zona para control e administración.

Na cuberta practicarase un retranqueo (...), o que permitirá a utilización do baixocuberta.

(...) A escaleira que conecta as distintas plantas construirase con chapa metálica pregada incorporando tabicas de madeira que minoren as sensacións metálicas.

(AGUIRRE URCOLA)

Bibliografía

  • AGUIRRE DE URCOLA, Isabel; Proxecto Básico e de Execución para Rehabilitación dun edificio no casco histórico de Betanzos como albergue de peregrinos. Documento consultado na Oficina Técnica de Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo. A Coruña 2008.
  • RODRÍGUEZ, Nuria; “La Xunta inicia las obras del albergue a un mes de que termine el Xacobeo”, La Opinión - Coruña, 25 de novembro de 2010.
  • TENREIRO, Lucía; “La apertura del albergue de Betanzos acumula un retraso de casi dos años”. Betanzos histórico, 17 de abril de 2013.
  • VV.AA.; “La Consellería de Industria inicia la recuperación del edificio del albergue de peregrinos de Betanzos”. La Voz de Galicia, 12 de marzo de 2008.
  • VV.AA.; “La Xunta de Galicia aún no ha contratado las obras del albergue de Betanzos”, Albergues del Camino de Santiago, 15 de agosto de 2010.