Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Albergue Público de Ribadeo

Historia

Edificación sinxela de planta rectangular e cuberta a dúas augas, denominada popularmente como o Chiringuito Chipi-Chipi, situado sobre a beira do cantil.

Memoria

O feito de que a edificación estivera afectada polo deslinde costeiro que impedía a súa ampliación xerou un proxecto que recorre a unha solución enxeñosa, efectiva e altamente orixinal. O edificio orixinal mantense en planta, pero elimínase a súa cuberta e substitúese por unha planta que se prolonga ata a beirarrúa do paseo, uníndose con esta. Emprégase como cubrición un pavimento do mesmo material que a beirarrúa –lousa de cor marrón– co que se unifica a edificación co paseo dunha maneira mimética. Os ámbitos público e privado diferéncianse unicamente na disposición da lousa, xa que mentres na beirarrúa as laxas son irregulares, na cuberta do edificio utilízanse pedras rectangulares. Esta solución provoca a impresión de que a dita cuberta é unha continuación do paseo público, que funciona polo tanto como un miradoiro sobre a ría.

A colocación dunha lixeira varanda tubular de aceiro en todo o seu perímetro acentúa o carácter de miradoiro que se pretendía conseguir tanto óptica como funcionalmente. A curvatura da cuberta e a súa varanda xeran interesantes asociacións e paralelismos visuais coas das trabes da ponte dos Santos, que preside o panorama da desembocadura do río Eo.

O proxecto consegue desenvolver (...) un dos mellores exemplos de integración da arquitectura coa paisaxe, en total consonancia con algunhas das últimas tendencias actuais da arquitectura contemporánea.

A solución, ademais, permite agrandar sensiblemente a planta do edificio cara ao interior, por debaixo da pasarela de unión co paseo. Este pequeno espazo conseguido dótase de dúas portas, unha en cada extremo, e dáselle utilidade como vestíbulo de entrada, zona de recepción de camiñantes e cuarto de estar. Dende este novo elemento accédese ao volume preexistente, no que se distribúen as diferentes dependencias que integran o albergue –cociña, aseos e dormitorio–.

Dende o exterior tamén se facilita o acceso directo aos dormitorios e créase para iso un estreito corredor sobre o cantil protexido cunha varanda similar á colocada sobre a cuberta, o que converte tamén ao dito pasadizo nun novo miradoiro, esta vez situado a un nivel inferior, de uso exclusivo para os camiñantes.

(GARRIDO MORENO)

Bibliografía

  • GARRIDO MORENO, Antonio; “Albergue de Ribadeo”, Arquitecturas no camiño, 1994-2004. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 2005. Páx.300-303.