Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Espazo de Interpretación Xoán Caaveiro

Historia

A pesar da discutida fundación de San Rosendo, os estudosos coinciden en que dende finais do século XI ata o ano 1170, San Xoán de Caaveiro estaba inmerso nunha fase de expansión que supuxo a reedificación de todo o conxunto. Nesta época construíuse a chamada igrexa antiga ou de Santa Isabel. Desta primitiva edificación só permanecen en pé a ábsida semicircular e parte do muro sur.

O crecemento que experimentaría o mosteiro entrado o século XIII tras unha pequena fase de estancamento faría obrigada a construción dunha segunda igrexa de dimensións considerablemente maiores, pasando a converterse o antigo templo nunha capela funeraria.

O novo templo, chamado Principal ou Colexial, estaba situado ao norte, entre as casas occidentais e a igrexa existente. Devandito tramo tiña acaroada unha estancia no lado norte, posiblemente usada como sancristía, e construída cara ao 1705. Anos máis tarde levantouse a torre - campanario, situada enriba do que debía ser a primitiva entrada ao mosteiro.

No Boletín do Estado do 18 de maio de 1849 saíron á poxa as propiedades próximas ao mosteiro e os edificios do mesmo, daquela en ruínas. Finalmente, no ano 1890, Pío García Espinosa, avogado residente en Pontedeume, recibiu do Arcebispado, por cesión, os títulos de propiedade dos restos do mosteiro de Caaveiro. E co asesoramento do historiador López Ferreiro, iniciou as obras de acondicionamento de todo o conxunto. Estas consistiron basicamente no arranxo das casas de cóengos situadas ao oeste do conxunto, na restauración da antiga igrexa e na construción dunha pequena edificación illada, onde antigamente estaba a sancristía da igrexa principal. Para todo isto, reutilizáronse as pedras das vellas edificacións derrubadas: as casas situadas entre as porterías, o cabido, o cuarto de arquivo e a igrexa colexial, que estaba en mal estado dende o ano 1763.

Morto o propietario o 28 de novembro de 1906, os seus herdeiros continuaron habitando por tempadas o mosteiro. Paralelamente, as terras fóronse abandonando lenta pero inexorablemente, ata que no ano 1960 saía de Caaveiro o seu derradeiro habitante.

Memoria

O que se encontra o visitante que accede agora a Caaveiro é unha amalgama de actuacións que ao longo do tempo foron poñendo e quitando, aquí e alá, a fin de acomodarse ao que os tempos e necesidades esixían (…).

Perden a súa natureza orixinaria, a razón de ser para a que foron creados e pasan a ser importantes referencias do noso mundo contemporáneo: Imaxes que se converten no soporte da historia da arte, da experiencia estética, da identidade nacional, da idea de progreso, do cosmopolitismo, etc...

(GARCÍA BRAÑA et al., 1999)

Porque o que o visitante contempla, non é senón a descontextualización de algo que nunca existiu como tal.

O que se propón ao visitante é a elección duns determinados valores sobre outros, os edificios perderon a súa razón de ser, e ao recuperalos para producir determinados efectos, algo prímase sobre algo, nada queda no seu sitio, dun modo ou outro todo se trastoca. E elo deixa necesariamente aberta a elección e aquí reside o gran risco e tamén o atractivo desta clase de operacións, por elo é lóxico sentir a vertixe que estas actuacións producen, cando de modo consciente nos achegamos a elas.

(GARCÍA BRAÑA + AGUIRRE URCOLA)

Bibliografía

  • CORREA ARIAS, José Francisco; “Caaveiro e a crise do Antigo Réxime”; Cátedra. Revista eumesa de estudios, número 3. Pontedeume 1996. Páx. 169-200.
  • CORREA ARIAS, José Francisco; “As Orixes de Caaveiro e Celanova e outras empresas na vida de San Rosendo: novas hipóteses”; Cadernos do Ateneo Eumés, ano 3, número 3. Pontedeume 2005. Páx. 18-30.
  • DE CASTRO ÁLVAREZ, Carlos; El monasterio de San Juan de Caaveiro. Editorial Deputación Provincial da Coruña. A Coruña 1999.
  • GARCÍA BRAÑA, Celestino + AGUIRRE URCOLA, Isabel; “Proyecto Básico y de Ejecución para la Rehabilitación del conjunto monumental Monasterio de Caaveiro. Fase II: Casa dos Guardeses”. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2006/270. A Coruña 2006.
  • GARCÍA BRAÑA, Celestino + AGUIRRE URCOLA, Isabel + ALONSO MÉNDEZ, Ángel; “Proyecto Básico y de Ejecución para la Rehabilitación del conjunto monumental Monasterio de Caaveiro”. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1999/210. A Coruña 1999.
  • GARCÍA BRAÑA, Celestino + AGUIRRE URCOLA, Isabel + ALONSO MÉNDEZ, Ángel; “Proyecto Básico y de Ejecución para la Rehabilitación del conjunto monumental Monasterio de Caaveiro”. Documento consultado na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 2002/107. A Coruña 2003.
  • LORENZO ASPRES, Alberta; “Arquitecturas recicladas na comarca do Eume”, Cátedra. Revista eumesa de estudios, número 20. Pontedeume 2013. Páx.101-160.
  • LUGILDE ARIAS, Carlos; “Don Pío García Espinosa e o breve renacer de Caaveiro”; Cátedra. Revista eumesa de estudios, número 3. Pontedeume 1996. Páx. 201-212.
  • MARTÍN RUIZ, Luis; “Definición de los terrenos a expropiar en la Colegiata de Caaveiro”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1981/007. A Coruña 1979.