Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Restaurante 'A Fábrica de Vilanova'

Historia

A orixe da construción da fábrica de A Raspiña ou de Vilanova remóntase á Orde dos Cabaleiros Hospitalarios ou de San Xoán, ao redor do ano 1175.

No século XVI devandita edificación foi transformada pola familia Sandoval nunha casa soarega baixo o nome de Casa Torre, daquela a única vivenda extramuros da vila.

Entre finais do século XIX e principios do XX, as dependencias sufriron unha nova reconversión: desta volta para transformarse en fábrica de coiros curtidos polo sistema de pías. A nova industria conformouse mediante un único volume de dúas plantas e dous recintos descubertos: o do sur era o patio de acceso principal, namentres que o do norte –á beira do río– era empregado para os labores de curtido.

A fábrica estivo en funcionamento ata finais da década de 1950, e nos anos noventa –xa en estado de ruína– foi adquirida polo Concello dentro do plan estratéxico para o desenrolo do Parque Etnográfico do río Arnoia.

Memoria

A intervención que aquí se propón foi guiada polos seguintes principios:

  • Respectar, conservando, os valores de todo tipo: históricos, etnográficos, tipolóxicos, espaciais, formais e construtivos que o edificio e o seu entorno conteñen.
  • Recuperar certos valores do tipo dos anteriormente descritos, que existiron noutras épocas e hoxe desapareceron, ou se atopan danados ou desvirtuados.
  • Introducir novos valores, compatibles cos anteriores, como consecuencia das novas necesidades que se van acubillar e que requiren dun certo nivel de confort.

A devandita proposta respectou con esmero o tipo edificatorio, o espazo e a linguaxe construtiva, e controla a cuantía e o grado de novas intervencións para conseguir harmonizala Historia e o Presente, aproveitando ao máximo as posibilidades que o conxunto ofrece para conservar, revalorizar, potenciar e gozar dos valores nel contidos. A concreción destes principios supón o absoluto respecto de muros e ocos de tódalas fachadas, así como dos elementos estruturais: piares, trabes, tesoiras, pontóns e entarimado, e tamén a riqueza espacial do conxunto.

Dende unha perspectiva funcional conservaranse restaurando, cando sexa necesario, as pías, a noria e os espazos que as conteñen, dedicando estas dúas pezas cubertas a Museo do Coiro e aloxando na outra, a de dúas plantas a unha pequena taberna-bodegón, que permite utilizalo Patio de Entrada e o Exterior como complemento da devandita actividade en épocas nas que o tempo o permita.

(PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN)

Premios

  • Premio Europeo de Urbanismo 1994 (i/ dentro da intervención do Parque Etnográfico do río Arnoia)

Bibliografía

  • CARMONA BADÍA, Xoán + FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, María Teresa; “Historia e actualidade do patrimonio industrial de Galicia: as fábricas de curtidos de Allariz”, Patrimonio cultural de Galicia e norte de Portugal. Deputación Provincial de Ourense. Ourense 1997. Páx.63-79.
  • LARA, Manuel; “Fábrica de A Raspiña ou de Vilanova”, Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial.
  • PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Rehabilitación da antiga fábrica de curtidos ‘Vilanova’”, Obradoiro, 26. Comisión de Cultura do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Santiago de Compostela 1997. Páx.37-39.
  • PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Proxecto básico e de execución de rehabilitación da antiga fábrica de curtidos de Vilanova, en Allariz - Ourense. Primeira Fase”. Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1997/178. Pontevedra 1996.
  • PORTELA FERNÁNDEZ-JARDÓN, César; “Proxecto básico e de execución de rehabilitación da antiga fábrica de curtidos de Vilanova, en Allariz - Ourense”. Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1997/178. Pontevedra 1995.
  • SOTO VÁZQUEZ, ÁUREA E.; “Actuación no entorno de Vilanova”; Oficina Municipal de Rehabilitación do Concello de Allariz. Documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1999/207. Allariz 1996.