Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Oficina de Turismo de Lugo

Historia

Os dous inmobles foron construídos entre os séculos XVII e XVIII, presentando unha boa calidade arquitectónica. Orientan as súas fachadas traseiras cara a un patio interior ao que tamén dan fronte pequenas construcións tradicionais utilizadas como ás de servizo das construcións principais.

Memoria

O uso ao que se destinan os dous baixos que ocupará a Oficina de Turismo é mixto: por unha banda é un uso administrativo, que se desenvolve fundamentalmente no baixo de Miño 12 –nunha superficie inferior a douscentos cincuenta metros cadrados–, e por outro é un uso cultural –no baixo de Miño 10 e construcións do fondo da parcela de Miño 12–, ocupando o resto da superficie.

O acceso principal e a zona de información e atención ao público sitúase no edificio número 12. Aquí defínese un local amplo e representativo cun gran mostrador situado ao fondo do local. Neste mostrador concéntranse tres postos de traballo de cara ao público e á súa dereita un pequeno despacho independente pero con conexión visual co mostrador (…). Tanto na zona do mostrador como no pequeno arquivo-almacén –situado á beira do encargado–, tívose moi en conta a necesidade neste tipo de locais de almacenamento de gran cantidade de papel (...). Neste sentido deseñouse tralo mostrador e rematando visualmente o local un gran andel de aceiro e vidro que contén con amplitude a información máis inmediata que proporciona a Oficina ao visitante e proporciona ao local un pano de fondo moi dinámico ao expor frontalmente os diferentes folletos que se proporcionan ao turista e facilítanlle unha información visual moi directa.

A idea xeradora deste espazo de recepción é a dunha caixa de madeira de castiñeiro tinguida –en teito e paredes– cun pavimento continuo de listóns de lousa escura. No centro –e aproveitando a existencia de restos arqueolóxicos de muros de orixe romana– deséñase un núcleo de expositor de restos soterrados, vitrina e banco de descanso para visitantes. Este núcleo central articula e ordena o espazo xeral e define ámbitos de usos diferenciados: zona de información en taboleiro de anuncios, zona de descanso no banco, contemplación de pantallas de plasma con imaxes informativas, contemplación - reflexión sobre achados arqueolóxicos e cidade romana soterrada e por último zona de solicitude e recepción de información.

Ao fondo deste espazo o gran mostrador de vidro retroiluminado, actúa –xunto coa luz que emana desde os restos situados a cota superior– como foco de atención dentro do deseño contido e austero dos acabados do local. Subxace a idea da luz da modernidade nunha contorna onde a tradición e a historia marcan a pauta de calquera intervención.

Dende este mesmo espazo, na fachada fronte ao acceso, unha apertura no muro permite albiscar o patio interior antes citado que actúa como nexo de unión entre as dúas zonas da Oficina. Este patio de gran riqueza espacial cos alpendres rústicos existentes –de madeira e lousa– urbanízase e deseña para relacionalo de modo moi directo co interior dos locais destinados á Oficina de Turismo. Pavimentos de granito abuxardado, lousa e zonas axardinadas e unha iluminación discreta en horas nocturnas, son os elementos destacados desta sinxela urbanización.

Un pasadizo acristalado e lixeiro e moi relacionado con este patio une as edificacións de Miño 12 e Miño 10. Nesta zona de paso sitúanse os puntos de consulta con computador e conexións á rede, moi utilizados neste tipo de locais.

Por este pasadizo –acaroado á edificación de Miño 12 e construído ex novo con este fin– accédese á outra zona da oficina que será destinada a unha ampla sala de exposicións relacionadas coa promoción turística. Esta sala terá acceso independente dende o pequeno soportal que esta edificación exhibe na Praza do Campo e que é un dos recunchos máis característicos da cidade antiga. Esta dualidade de espazos permite o uso desta zona como sala de exposicións aberta á cidade cun horario distinto ao da Oficina de Turismo ao situarse en ámbitos espaciais distintos e facilmente independizables.

A zona de sala de exposicións contén cara ao fondo unha pequena área de descanso, consulta e biblioteca onde volven situarse armarios con andeis para ampliar a zona de almacenaxe (…). Dende aquí comezan as dependencias de servizo onde se sitúan aseos xerais (…), salas de máquinas e almacéns que ocupan a edificación anexa antes citada e que se conecta espacialmente coa Oficina a través dun corredor.

(CATALÁN TOBÍA)

Bibliografía

  • CATALÁN TOBÍA, Santiago; “Oficina de Turismo Lugo 2009”, Santiago Catalán.
  • LÓPEZ ALBA, Óscar; “Oficina de Turismo Lugo”, OLA estudio.