Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia Proxecto ARGA
Galego

Parador Nacional Condes de Vilalba

Historia

Segundo unha desaparecida inscrición, a fortaleza de Vilalba foi fundada no ano 1017 baixo a casa de Castro. Constaba dun cuadrilátero con catro torres nos ángulos, sendo unha delas a de homenaxe, levantada no século XIII por Rodrigo Sánchez.

Dado o seu carácter militar é de supoñer que, dentro das murallas, non existisen máis construcións que as necesarias para o albergue das mesnadas e a residencia do señor feudal.

No ano 1540 Vilalba, xunto coas demais vilas que constituían os estados dos Andrade, incorporouse á Casa de Lemos tralo matrimonio entre dona Teresa de Andrade de Ulloa e Zúñiga e don Fernán Ruíz de Castro.

No 1843, a duquesa de Alba –como propietaria do castelo– autorizou ao Síndico do Concello e ao Rexedor para sacar pedra da fortaleza para construír un cárcere sen tocar a torre e as paredes que a circundan. A única condición era que a duquesa non reclamase ningunha renda polo tempo que servise de prisión ou casa forte.

A finais do século XIX, o castelo aínda conservaba destacados restos dos seus baluartes, pero foi obxecto de graves e continuados ataques ata o extremo de non deixar nel máis que pequenos vestixios das súas cercas e a torre da homenaxe.

Esta peza é o único que chegou aos nosos días da orixinal construción, totalmente baleirada na súa fábrica interior e con acusados desperfectos nos seus elementos arquitectónicos externos.

Memoria

En 1967 inaugúrase o Parador de Vilalba (…) coa torre dos Andrade como elemento principal e unha capacidade de seis habitacións, sendo o máis pequeno da rede de paradores (…). A rehabilitación incorpora as trazas do muro antigo, cunha escaleira para acceder ao patio traseiro, escaleiras para acceso principal, uso en planta baixa como salón, engadido dun volume que contén servizos en planta baixa, e un comedor, oficina e catro habitacións na planta primeira (…). Intervención exterior notoria na fachada leste, na que se engaden escaleiras para acceso pola porta principal, reconstrúense as almeas elevando lixeiramente a súa altura, e ábrense ocos: un balcón –que non chegou a construírse– e dúas ventás na planta superior, para dar resposta ás novas necesidades (…). Chama a atención que para a rehabilitación da torre non se efectuou unha actuación previa nin conxunta sobre a contorna. A variación apreciable na actuación dende a súa fachada Sur, foi a reparación de almeas, apertura de ocos para as habitacións das plantas superiores e introdución de vexetación.

(COTOYA DÍAZ)

A Torre, único elemento que quedaba da fortaleza de forma octogonal e con restos de pinturas no seu interior, foi restaurada e convertida en Parador (…). Na actualidade, e mediante a adquisición dunhas fincas, proponse a ampliación do establecemento, aínda que máis exacto sería dicir a construción dun novo Parador, posto que se fai totalmente novo (…). O criterio seguido é manter a torre coas seis habitacións, pero deixándoa completamente exenta, rodeada de xardín, para acusar ao máximo a súa arquitectura, restaurando e eliminando engadidos. Con isto conséguese dar a máxima importancia ao monumento, que se enlazará mediante unha galería acristalada de aluminio (…), co novo edificio (…). Creo que a solución é válida dende o punto de vista de despoxar o monumento de engadidos, e deixalo illado do resto de construcións.

(FERNÁNDEZ-CUENCA GÓMEZ, 1997).

Bibliografía

  • BENÍTEZ, Cecilio; “El Castillo de Villalba”; revista Eco de Galicia, ano 10, número 305. A Habana 1917.
  • COTOYA DÍAZ, Vanesa; “A Torre-Fortaleza de Vilalba”, Caderno de Estudos Chairegos, número 5. Boletín do Instituto de Estudos Chairegos, Deputación de Lugo. Vilalba 2011. Páx. 103-167.
  • DEL CASTILLO LÓPEZ, Ángel; “Villalba. Fortaleza medieval”, Inventario de la Riqueza Monumental y Artística de Galicia; reprodución facsímile da edición de 1987. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña 2008. Páx. 718, 930.
  • DÍAZ MARTÍNEZ, Carlos & NOVO CAZÓN, José Luis; A Memoria de Vilalba; Edicións Xerais de Galicia. Vigo 20o6.
  • ESLAVA GALÁN, Juan e ONTAÑÓN, Francisco; “Villalba”; Paradores históricos. Lunwerg Editores. Barcelona 1997. Páx. 44-49.
  • ESTEBAN REY, Luis; “Proyecto de alumbrado del Parador Nacional de Villalba”; proxecto recollido na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1997/198. A Coruña 1993.
  • FERNÁNDEZ-CUENCA GÓMEZ, Carlos; “Anteproyecto de ampliación del Parador de Turismo de Villalba”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1997/198. Madrid 1996.
  • FERNÁNDEZ-CUENCA GÓMEZ, Carlos; “Proyecto de demoliciones previas para la ampliación del Parador de Turismo de Villalba”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1997/198. Madrid 1997.
  • FERNÁNDEZ-CUENCA GÓMEZ, Carlos; “Proyecto básico de ampliación del Parador de Turismo de Villalba”; documento consultado na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, coa signatura 1997/198. Madrid 1997.
  • FRAGA IRIBARNE, Manuel & RODRÍGUEZ OCHOA, Eduardo; Vilalba; Ir Indo, D.L. Vigo 1993.
  • GONZÁLEZ TRIGO, Antonio; “Memoria del proyecto de ordenación de las inmediaciones del Castillo y Plaza de los Condes de Villalba (Lugo)”; Testemuñas do cambio de Vilalba; Catálogo de exposición, agosto-setembro 2007. Vilalba 2007.
  • LORENZO ASPRES, Alberta; "Torre - Fortaleza dos Andrade", Intervencións no Patrimonio Galego para a industria hostaleira. A Coruña 2014. Páx. 651-690.
  • MATO VIZOSO, Manuel; Estudios históricos de Villalba y su comarca; Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo, DL. Lugo 1997.
  • NOVO CAZÓN, José Luis; Retrincos de Vilalba e dos vilalbeses; Instituto de Estudios Chairegos, D.L. Vilalba 2005.
  • SÁNCHEZ CARRO, Alfredo; Villalba y la Terra Chá; Colección Everest. Editorial Everest, D.L. Madrid 1989.
  • SÁNCHEZ GARCÍA, José Manuel; El señorío de Villalba; Caixa Galicia, D.L. A Coruña 1985.
  • TETTAMANCY Y GASTÓN, Francisco; “La Torre del Homenaje del Castillo de Villalba”; Boletín da Real Academia Galega, tomo 5, ano 7, número 57. A Coruña 1912. Páx. 205-212.
  • TETTAMANCY Y GASTÓN, Francisco; “Situación del Castillo de Villalba en el primer tercio del siglo XIX”; Boletín da Real Academia Galega, tomo 5, ano 7, número 58. A Coruña 1912. Páx. 256-257.
  • VAZQUEZ SEIJAS, Manuel; “Torre - Fortaleza de Villalba”; Fortalezas de Lugo y su provincia: notas arqueológicas, históricas y genealógicas; 6 volumes. Reprodución facsímile da edición da Xunta do Museo Provincial de Lugo, 1973. Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo. Lugo 1995.
  • VILLAAMIL Y CASTRO, José; “El Castillo de Villalba”; Galicia diplomática, ano 3, número 31. Santiago de Compostela 1888. Páx. 232-233.